Cara ou cruz. Así será a última xornada na liga de División de Honra B Feminina para o Pontevedra Rugby Club (PRC), na que apurará as súas opcións de permanencia.
As pontevedresas víronse superadas a fin de semana no seu particular desterro ourensán, ao seguir sen homologar o campo de Monte Porreiro, polo Getxo Giroa-Veolia, segundo clasificado, por un claro marcador de 5-56, aínda que mellorando as súas prestacións con respecto a outros duelos ante equipos da zona alta.
O conxunto vasco dominou o partido e o marcador desde o seu primeiro ensaio aos 7 minutos de xogo, chegando ao descanso cunha vantaxe de 0-39. A pesar diso o PRC seguiu insistindo atopando recompensa no minuto 58 cun ensaio de Teresa Gálvez.
Con este son 6 os encontros que disputou o bloque pontevedrés na súa estrea na segunda categoría nacional, sen conseguir polo momento sumar puntos. Tampouco o fixo o que será o seu último rival, o AD Ingenieros Industriales Las Rozas, o que converte o duelo da fin de semana do 13 e 14 de marzo nunha final pola salvación, e é que con só un descenso, o vencedor conseguirá a permanencia.
"Seguimos empuxando todas xuntas, cos mesmos ánimos ou quizais máis que ao comezo. Encaramos o final da liga con moita ilusión e ganas de seguir demostrando o que valemos", sinala o Pontevedra Rugby Club, que afrontará o duelo decisivo a domicilio.