A piragua, protagonista da fin de semana co Nacional de Maratón e a liga de kaiak-polo

Pontevedra
06 de maio 2021

O río Lérez será escenario este sábado 8 e domingo 9 de maio do Campionato de España de Piragüismo Maratón, mentres que o encoro de Pontillón  do Castro acollerá unha xornada da Liga Nacional de Kaiak-Polo, o que supón unha importante afluencia de deportistas á cidade

Tino Fernández e Alfredo Bea presentan o Campionato de España de Piragüismo Maratón
Tino Fernández e Alfredo Bea presentan o Campionato de España de Piragüismo Maratón / PontevedraViva

Intensa fin de semana de piragüismo o que ten por diante Pontevedra, convertida este ano na capital nacional deste deporte. Non en balde na cidade do Lérez disputaranse varios campionatos nacionais.

O primeiro deles recalará o sábado 8 e domingo 9 de maio precisamente no río Lérez, no seu tramo urbano, co Campionato de España de Maratón.

A cita reunirá a nada menos que 670 padexeiros de 88 clubs, nunha cita que "é clasificatoria para o Campionato de Europa, polo que estarán os mellores de España", confirmou na presentación do evento o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea.

Para garantir a seguridade dos participantes e resto de asistentes elaborouse un estrito protocolo que inclúe que "todos os participantes de fóra de Galicia teñen que facer un test de antíxenos 72 horas antes", sinala o presidente federativo.

A competición dará comezo ás 9.00 horas do sábado e prolongarase coas probas individuais nas diferentes categorías e en distancias acordes ás mesmas, ata os 26.200 metros que percorrerán os deportistas sénior tanto en kaiak como na canoa. O sábado pola tarde disputaranse ademais as probas restantes de embarcacións individuais e as dobres en idade cadete.

En canto ao domingo, só de mañá, terán lugar as distancias xuvenil e sénior en embarcacións dobres.

"Temos que agradecer á Federación Galega o esforzo que fai por traer a Pontevedra eventos de nivel", sinalou tamén na presentación do campionato o concelleiro de Deportes, Tino Fernández.

A fin de semana completarase ademais co segundo torneo da Liga Nacional de Kaiak-Polo de Primeira División, que terá como escenario o Complexo Deportivo David Cal no encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, tamén durante o sábado 8 e o domingo 9 de maio.

"Esperamos que sexa un gran evento", sinalou Alfredo Bea sobre unha competición que reunirá a 17 equipos e que supoñerá a instalación de tres campos de xogo.