O cambio de normativa notificado recentemente aos clubs en relación ao uso de xogadores das categorías inferiores coloca á Sociedad Deportiva Teucro nunha encrucillada.
O club azul traballou nas últimas semanas na elaboración dun plantel curto para a Liga Asobal, pensando en 13 xogadores que serían completados coa achega de integrantes do filial de Primeira Nacional.
Actualmente os pontevedreses confirmaron xa a 11 nomes do primeiro equipo, á espera de tentar pechar as renovacións pendentes de Carlos García e Iván Fernández. Con eles chegaríase á cifra pensada.
Con todo a partir da próxima tempada só se poderán subir regularmente xogadores en idade junior (ata 22 anos), xa que se un senior acode a unha convocatoria en Asobal automaticamente tería que ter ficha do primeiro equipo a todos os efectos, sen poder volver xogar nunha categoría inferior.
A salvo desta situación atópanse os recentemente fichados Sergio Pérez e Domingo Luis, que xogarán en principio no Primeira Nacional pero que ao ser juniors poderán alternar sen problemas se Luís Montes así o considera, do mesmo xeito que Samuel Pereiro, que con Quique Domínguez converteuse nun asiduo das convocatorias co primeiro equipo. En cambio homes como Carlos Gehrhardt, Sergio Altirriba ou David Alves, outros dos canteiráns utilizados durante o último curso, si ven afectado pola regulamentación.
O INICIO DE LIGA, O 8 DE SETEMBRO
Tras a recente celebración da Asemblea da Real Federación Española de Balonmán aprobouse o calendario de competición da próxima tempada, fixando o inicio das ligas como a Asobal para o sábado 8 de setembro.
A liga concluirá o día 18 de maio, mentres que entre outras datas de interese destaca a fase final da Copa do Rei, prevista para o 5, 6 e 7 de abril.