O Teucro perde o seu capitán: Carlos García non seguirá no equipo

Pontevedra
02 de xullo 2018

Tras nove anos ligado á SD Teucro, Carlos García abandona o equipo pontevedrés. Así o anunciou este luns o club, que avanzou que se lle renderá unha merecida homenaxe. O extremo esquerdo de Carballo, un dos xogadores máis queridos pola afección, marcha tras nove tempadas en Pontevedra

Carlos García, nun adestramento do Teucro
Carlos García, nun adestramento do Teucro / Mónica Patxot

Tras nove anos ligado á SD Teucro, Carlos García abandona o equipo pontevedrés. Así o anunciou este luns o club, que avanzou que se lle renderá unha merecida homenaxe.

O extremo esquerdo de Carballo, un dos xogadores máis queridos pola afección, explicará mañá en rolda de prensa os motivos polos que marcha do Teucro.

O ata agora capitán teucrista chegou á disciplina azul no verán de 2009, procedente do Club Balonmano Cisne, onde militara unha tempada chegado desde o Xiria.

Desde o primeiro momento Carlos García converteuse nun home importante para a SD Teucro ata converterse no capitán e icona dun equipo que nas últimas tempadas conseguiu dous ascensos á liga Asobal.

Nesta última tempada, marcada para el por unha lesión no pé, meteu 86 goles e tivo un rol importante na permanencia lograda polo equipo de Quique Domínguez.

Desde o club quixeron transmitir o máis profundo agradecemento a Carlos García e deséxanlle moita sorte no seu futuro, deixando as portas abertas nunha nova etapa.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora