O Teucro debutará en liga no Municipal ante un rival directo pola permanencia, o Sinfín

Pontevedra
26 de xullo 2018

A Liga Asobal de balonmán sorteou este xoves o seu calendario de competición para a tempada 18/19. Haberá derbi provincial ante o Cangas na penúltima xornada

Partido entre Teucro e Cangas no Municipal
Partido entre Teucro e Cangas no Municipal / Diego Torrado

A Sociedad Deportiva Teucro xa coñece que camiño espéralle nunha nova tempada na que buscará a permanencia na máxima categoría.

A Liga Asobal sorteou este xoves o seu calendario de competición, deparando un debut na casa para os pontevedreses.

Os azuis estrearanse o 8 de setembro recibindo no Municipal a un rival directo, o recentemente ascendido Sinfín cántabro, mentres que unha semana despois o seu primeiro desprazamento será a Guadalaxara.

Un dos aspectos destacados do sorteo foi a data dos derbis provinciais entre Teucro e Cangas, que se disputarán na penúltima xornada. Na primeira volta o choque disputarase en Pontevedra (8 de decembro) e na segunda no Gatañal (18 de maio).

Ademais o actual campión e máximo favorito ao título, o Fútbol Club Barcelona, visitará o Pavillón Municipal dos Deportes o 11 de maio na xornada 28 de liga.

Como vén sendo habitual, a Asobal sufrirá un parón competitivo ao termo da primeira volta (12 de decembro) polas vacacións do Nadal e, neste caso, polo Mundial de seleccións que se disputará durante o mes de xaneiro. Por ese motivo non se retomará a actividade da liga ata o día 2 de febreiro.