O Teucro cambia o pavillón pola area da Illa de Arousa

Pontevedra
08 de agosto 2018

Como vén sendo habitual nas últimas tempadas, os azuis protagonizou este mércores unha sesión de traballo na praia, concretamente no areal do Carreirón

Adestramento do Teucro na Illa de Arousa
Adestramento do Teucro na Illa de Arousa

Despois de 10 días adestrando duro, a ritmo case de dobre sesión diaria, a Sociedad Deportiva Teucro marchou á praia.

O primeiro plantel azul gozou este mércores dunha xornada diferente, unha idea que vén poñendo en práctica nas últimas tempadas. 

En concreto o equipo teucrista desprazouse ata o areal do Carreirón, na Illa de Arousa, para baixo o mando principalmente do preparador físico, Toño Puga, realizar unha sesión de prevención e resistencia aeróbica, con exercicios tanto dentro como fóra da auga.

Tras suar un pouco na area, o persoal gozou dunha comida á que tamén asistiu a directiva e contaba despois coa tarde libre.

Esta xornada chega cando aparece no horizonte o primeiro compromiso amigable do verán, este venres 10 de agosto no Porriño ante o Atlético Novás de División de Honra Prata. Tras esta cita os seguintes encontros de preparación disputaranse no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, os días 14 e 18 de agosto ante o Ismai e o ABC Braga respectivamente.