A Ponferradina, un rival en cadro e ferido para recibir ao Pontevedra

Pontevedra
29 de marzo 2017

O cadro berciano, claro aspirante ao ascenso a principio de tempada, afronta o partido ante os granates como a súa última oportunidade para engancharse á pelexa polo play-off. Con novo adestrador ao mando desde a pasada xornada, chegan á cita con catro importantes baixas e tras tres derrotas consecutivas

Jacobo Trigo, no partido entre Pontevedra e Ponferradina en Pasarón
Jacobo Trigo, no partido entre Pontevedra e Ponferradina en Pasarón / Diego Torrado

Era un dos equipos sinalados por todos como favorito ao ascenso de categoría ao comezo de tempada, pero a competición situoulle noutro lugar co paso das xornadas.

A Ponferradina, próximo rival do Pontevedra en liga (domingo, 18:00 horas no Toralín), marcha na sexta posición a 10 puntos dos granates, polo que preparan o encontro como a súa última oportunidade para engancharse á loita polo play-off, xa que un triunfo do Pontevedra supoñería un novo golpe de efecto e deixaría aos de Luisito moi preto de certificar o cuarto posto.

Será un duelo o de Ponferrada de estados de ánimo. Uns, os granates, reforzados pola épica remontada ante o Tudelano, mentres os outros chegarán á cita en crise, feridos e aínda por riba con importantes baixas.

O cadro berciano enfrontarase aos pontevedreses coas ausencias do defensor Gonzalo, expulsado ante o Celta B, e os centrocampistas Jonathan e Chavero por cumprir ciclo de amoestacións, mentres o tamén centrocampista Cidoncha continúa lesionado.

Problemas para o seu novo técnico, Miguel Ángel Álvarez Tomé, que non tivo unha boa estrea á fronte do equipo tras a saída de Munitis ao caer goleado no municipal vigués de Barreiro. A Ponferradina non chega de feito ao choque nun bo momento, xa que acumula tres derrotas consecutivas e só un triunfo nas sete últimas xornadas.

Pese á potencial liña por liña do seu plantel, con futbolistas en ataque como o ex-granate Yuri de Souza, a 'Ponfe' evidenciou durante a liga falta de gol, con só 25 anotados nas 31 xornadas disputadas ata o momento nunhas cifras que só empeoran no Grupo I da Segunda B o pechacancelas Somozas, o Palencia (18º) e o Tudelano (11º).

Con todo no Pontevedra non se fían dos números, polo que viaxarán sobre aviso á localidade leonesa sabedores do que supoñería vencer no Toralín e conscientes da calidade do equipo rival.