A Pontevedra 4 Picos de BTT pon a proba a 1.500 ciclistas

Pontevedra
11 de setembro 2021

A Pontevedra 4 Picos de ciclismo BTT regresou tras dous anos de parón para celebrar unha sétima edición na que competiron un total de 1.500 deportistas acompañados por unhas condicións meteorolóxicas moi favorables

Sétima edición da Pontevedra 4 Picos de ciclismo BTT Cristina Saiz

A Pontevedra 4 Picos de ciclismo BTT regresou tras dous anos de parón para celebrar unha sétima edición na que competiron un total de 1.500 deportistas acompañados por unhas condicións meteorolóxicas moi favorables.

A data elixida nesta ocasión foi este sábado 11 de setembro, na que os ciclistas participantes percorreron os 130 quilómetros da carreira longa ou os 60 quilómetros da curta, pasando as subidas ao Monte Castrove, Monte do Acibal, A Fracha e o Lago de Castiñeiras.

A diferenza doutros anos e con motivo do estrito protocolo de seguridade, esta vez realizáronse cinco saídas diferenciadas de 300 corredores cada unha e así evitar aglomeracións, todas elas con saída desde o campus universitario.

A primeira realizouse ao redor das 8:00 horas, onde os máis valentes subíronse á bicicleta para comezar o roteiro longo, a de 130 quilómetros. Máis tarde foi a quenda dos que se decantaron polo tramo curto e que subiron aos dous primeiros picos, Monte Castrove e Monte do Acival.

Unha vez finalizada a proba tras varias horas de esforzo, a organización recibiu aos participantes con bolsas de avituallamiento para recuperar enerxías e xa pensar na seguinte edición para a que esperan "recuperar a súa data orixinal".