A Pontevedra 4 Picos mantén o seu poder de convocatoria

Pontevedra
09 de maio 2018

A proba celebrarase o vindeiro sábado 12 de maio con máis de 1.400 deportistas inscritos na súa versión de BTT, que chega á cuarta edición consolidada no calendario

Josevi Cimadevila e Anxos Riveiro presentan a Pontevedra 4 Picos 2018
Josevi Cimadevila e Anxos Riveiro presentan a Pontevedra 4 Picos 2018 / Paula Sanmartín

En apenas catro anos a Pontevedra 4 Picos Desafío Rías Baixas consolidouse no calendario do BTT autonómico e nacional.

Así o demostran os máis de 1.400 deportistas que participarán o próximo sábado 12 de maio na proba, centrada nesta ocasión na bicicleta de montaña e que foi presentada oficialmente este mércores no  Concello de Pontevedra coa presenza da concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, e o responsable da empresa organizadora Global DxT, Josevi Cimadevila.

Os ciclistas completarán un esixente percorrido de 132 quilómetros na súa opción longa, con saída desde o Recinto Feiral ás 8:30 horas, ou de 66 quilómetros na súa opción reducida con dúas ascensións (saída ás 9:00 horas).

Nesta ocasión a organización introduciu un cambio significativo ao variar a orde das subidas, xa que o percorrido comezará ascendendo o Monte Castrove, seguirá polo Pontillón do Castro e tras pasar pola zona cero concluirá cos picos da Fracha e o Lago de Castiñeiras.

Unha xornada de BTT maratón pensada para gozar dunha ruta por algúns dos mellores puntos das Rías Baixas e que, como en anteriores ocasións, non será competitiva.