A praga de baixas chega tamén ao Salamanca CF, próximo rival do Pontevedra

Pontevedra
25 de outubro 2018

Non só os granates deberán afrontar a cita do próximo domingo en Pasarón cun carrusel de ausencias por lesión e sanción. O seu rival, o Salamanca, atravesa un mal momento deportivo e acumula ata cinco futbolistas na enfermería e con poucas posibilidades de xogar

Vivi, xogador do Salamanca CF, tras lesionarse ante o Rápido de Bouzas
Vivi, xogador do Salamanca CF, tras lesionarse ante o Rápido de Bouzas

Non só o Pontevedra Club de Fútbol está estes días pendente da enfermería, debendo superar baixas importantes no equipo. Tamén o seu próximo rival en liga, o Salamanca CF, chegará á cita en cadro.

O conxunto salmantino desprazarase a Pontevedra nunha situación comprometida na clasificación, metido en postos de descenso tras cinco xornadas sen gañar en liga e cun adestrador diferente no banco con respecto ao que iniciou o curso, xa que Antonio Calderón substituíu a José Miguel Campos dúas semanas atrás.

O novo técnico non conseguiu cortar polo momento a dinámica dun equipo deseñado para estar nunha posición máis elevada na táboa e que só conta por agora con 6 puntos (1 vitoria, 3 empates e 5 derrotas), sendo un dos seus principais problemas o alto número de goles encaixados (17).

A esta situación únense ademais os problemas físicos, con homes como o lateral esquerdo Adrián Pumar e o centrocampista Vivi lesionados de longa duración. Ademais o dianteiro Martín Galván e o defensor Antonis non puideron adestrar polo momento ao mesmo ritmo que os seus compañeiros.

Por se isto non fose suficiente, o gardameta Dani Sotres sufriu no adestramento do mércores unha  luxación no cóbado e tamén perderá o choque que se disputará o domingo (18:30 horas) no Estadio Municipal de Pasarón.