A Praza de España prepárase para a V Subida a Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
14 de agosto 2022

O evento, un dos máis esperados en Galicia, terá a súa presentación oficial o vindeiro domingo 21 de agosto a partir das 12:00 horas coa presencia da Escudería Ponte Caldelas, organizadora do evento xunto co Concello, e varios dos pilotos e vehículos que correrán na competición automobilística

Subida a Ponte Caldelas
Subida a Ponte Caldelas / Diego Torrado

Ponte Caldelas xa está preparada para, tras dous anos de parón pola pandemia, escoitar ruxir os motores coa celebración V Subida a Ponte Caldelas.

O evento terá a súa presentación oficial o vindeiro domingo 21 de agosto a partir das 12:00 horas coa presencia da Escudería Ponte Caldelas, organizadora do evento xunto co Concello, e varios dos pilotos e vehículos que correrán na competición automobilística, que terá lugar os días 3 e 4 de setembro polas estradas do municipio.

O último ano de celebración da carreira foi en 2019 e nela participaron máis de 60 pilotos. Nesta ocasión contará con varias novidades como o trazado, que será desvelado durante a presentación.

A Escudería Ponte Caldelas, recentemente creada no municipio pola gran afección que existe ó mundo do motor, está detrás da organización da quinta edición da Subida a Ponte Caldelas con Diego Rodríguez como presidente, José Luis Ucha de secretario, Diana Rivas de tesoureira, e Ángel Boullosa e Jesús Estévez como vogais.