Nova xornada de liga na Segunda División B e duelo en todo o alto para o Pontevedra, que visita o campo doutro dos equipos que colidera a clasificación do Subgrupo 1-A, o Zamora.
O partido no Estadio Ruta de la Plata, (domingo 17.30 horas, Footters), disputarase ademais con público, ata 1.135 espectadores segundo a autorización das autoridades de Castela e León, o que supón "unha pequena vantaxe", recoñece Jesús Ramos.
Os granates, despois de dous triunfos e un empate nas tres primeiras xornadas, buscan consolidarse na cabeza cun triunfo antes de afrontar unha semana de parón na competición. Non será unha tarefa sinxela ante un rival que se destapou no inicio de liga como unha das revelacións. Recentemente ascendido e apostando pola continuidade no seu bloque, o cadro branquivermello gañou a Coruxo e Guijuelo e empatou co Racing de Ferrol, remontando ademais un 2-0 en contra.
"No me sorprende", sinala Ramos sobre un Zamora ao que ve "un equipo muy muy combativo, que no deja un balón libre" que ademais "levan un tempo xogando xuntos e iso nótase", analiza o técnico. O adestrador do Pontevedra non escatima boas palabras cara ao seu próximo adversario, do que di tamén que "son combinativos en muchas fases y luego sin balón muy agresivos".
A única baixa nos granates será a de Romay debido a unha leve lesión muscular. O resto do primeiro plantel si viaxa a terras zamoranas, polo que non se esperan grandes variacións no once titular.
O colexiado do encontro será o estremeño Antonio Sánchez Sánchez.