Adrián Cruz rompe o nariz e non xogará máis neste 2020

Pontevedra
17 de novembro 2020

O mediocentro sufriu un forte golpe na cara durante o adestramento do sábado e espera este mércores a decisión do  otorrino sobre se é necesario que pase polo quirófano

Partido de liga entre Pontevedra e Celta B en Pasarón
Partido de liga entre Pontevedra e Celta B en Pasarón / Cristina Saiz

Primeiro contratempo serio da tempada para o Pontevedra en forma de lesión. O mediocentro Adrián Cruz sufriu un forte golpe na cara durante o adestramento do 14 de novembro e as probas médicas practicadas concluíron este martes que sofre a fractura dos ósos propios do nariz. Unha lesión que podería obrigalo a pasar polo quirófano e que o manterá apartado dos terreos de xogo entre 6 e 8 semanas. 

O parte médico facilitado polo club recolle que o xogador sufriu unha "contusión intensa en nariz con epistaxis". Despois de realizarlle radiografías e un tac, os médicos puideron concluír que se trataba dunha fractura. Agora é o otorrino o que controla a evolución do futbolista galego e este mércores, cando a inflamación se reduza, decidirán se é necesario realizar unha intervención cirúrxica.

Seguro é que Cruz non poderá entrar máis nos plans de Jesús Ramos durante este 2020. O mediocentro gañouse un oco no once inicial do técnico marinense na terceira xornada e con el aos mandos o xogo combinativo do equipo mellorara. Ademais, a lesión muscular de Romay, pola que se perdeu o partido en Zamora, afianzara aínda máis ao pivote como unha peza fundamental á beira de Imanol.

A ausencia de Cruz obrigará a Ramos a trazar un novo plan para a sala de máquinas da nave granate. Se as cousas evolucionan de forma favorable, Romay poderá reaparecer este domingo en Pasarón contra o Salamanca e ademais Borja Martínez segue ao dispor do preparador á espera da chegada da súa primeira titularidade no Pontevedra.