O Pontevedra recupera a Romay e poderá volver contar con Cruz a próxima semana

Pontevedra
20 de novembro 2020

O mediocentro rompeu o nariz hai unha semana pero este venres xa adestrou cunha máscara protectora e, despois de confirmarse que non terá que pasar polo quirófano de forma inmediata, o técnico espera poder contar con el para o duelo da seguinte semana contra o Compostela

Partido de liga entre Pontevedra e Celta B en Pasarón
Partido de liga entre Pontevedra e Celta B en Pasarón / Cristina Saiz

Dobre ración de boas noticias desde a enfermería de Pasarón. A primeira é que o Pontevedra poderá volver contar co centrocampista Romay para o partido deste domingo contra o Salamanca. A segunda é que a lesión de Adrián Cruz non é tan grave como calcularan nun primeiro momento e o xogador podería volver estar dispoñible para Jesús Ramos dentro de sete días.

"Esperabamos que fose máis longo e é unha boa noticia. Hoxe xa adestrou coa máscara e esta semana estará fóra por precaucion, non imos forzar", declarou o adestrador do primeiro equipo granate, que non pecha a porta para telo listo para o seguinte choque en Santiago fronte ao Compostela. "A seguinte semana a ver que sensacións ten coa máscara, que se vaia aclimatando, e xa veremos", recoñece con alivio despois de que as primeiras exploracións arroxasen unha baixa de 6 semanas de duración.

Algo que aínda non está descartado é que o centrocampista de Moaña teña que pasar polo quirófano. "Xa o operaron algunha vez, así que en principio non haberá cirurxía. Igual o operan no verán, se fixese falta", puntualizou o preparador.

A baixa de Adrián Cruz, que disputara como titular os dous últimos encontros, cubriraa, salvo sorpresa, Romay. "Xa adestrou o martes co grupo ao 100 %", confesa Ramos sobre un xogador fundamental nos seus plans e que foi da partida nas dúas primeiras xornadas de liga.

Outro que xa está plenamente incorporado á dinámica de adestramentos do primeiro equipo é o canteirán David Veiga, que parece deixar atrás xa unha lesión que lle impediu traballar con normalidade nas últimas semanas.

"Menos Adrián Cruz, temos a todos en perfectas condicións", resumiu o adestrador.