O Compostela, o novato menos goleado e menos goleador

Pontevedra
26 de novembro 2020

O equipo santiagués permanece imbatido no seu estadio e só recibiu tres goles nos primeiros cinco partidos de liga. Con todo, só foi capaz de anotar catro goles e quedouse sen ver porta en tres duelos

Amigable entre Compostela e Pontevedra
Amigable entre Compostela e Pontevedra / SD Compostela

O Pontevedra poñerá a proba este sábado o seu cartel de máximo artilleiro do grupo contra a muralla santiaguesa. Os recentemente ascendidos son, con permiso dun sempre resistente Numancia, un sorprendente Langreo e un correúdo Deportivo, os que menos goles encaixaron do grupo I nos cinco primeiros partidos de liga. Pola contra, as súas cifras en ataque situán aos recentemente ascendidos no vagón de cola da categoría, sen contar a un inédito Coruxo, con só catro dianas, dúas delas obra do exgranate Miki. 

Os de Yago Iglesias crecen partido a partido desde a defensa. A pesar do seu gusto polo xogo ofensivo e de control do balón, o Compostela só recibiu tres goles, dous deles no seu debut na categoría na súa visita ao Unionistas e o último o recibido no seu empate na Malata. No Vero Boquete, o Pato Guillén non sabe aínda o que é recoller un balón do interior da súa portería.

Unha férrea defensa que examinará a eclosión goleadora da dupla ofensiva do Pontevedra que forman Charles e Rufo, quen acabou coa súa seca o pasado domingo e espera iniciar o refacho que o levou a ser pichichi da categoría o curso pasado. O ariete brasileiro, polo momento, só anotou desde o punto de penalti.

En cambio, a materia pendente dos composteláns é o ataque. Os branquiazuis foron incapaces de ver porta en tres xornadas e, a diferenza dos granates, os seus tantos só levan a firma de tres homes (Miki, Bicho e Pablo Antas). Aínda así, o Pontevedra non pode relaxarse diante do xogo ofensivo do seu rival do próximo sábado que leva principalmente pola banda dereita, cun Miki pletórico, o seu maior perigo.