A primeira vitoria a domicilio de 2023 chegou en outubro

Pontevedra
10 de outubro 2023

Co seu triunfo no campo do Coruxo, o Pontevedra Club de Fútbol puxo fin a unha das peores series de toda a súa historia como visitante, e é que tiveron que pasar case 10 meses para festexar unha vitoria lonxe de Pasarón

O Pontevedra celebra o 0-2 de Ángel Bastos no partido contra o Coruxo no Vao
O Pontevedra celebra o 0-2 de Ángel Bastos no partido contra o Coruxo no Vao / David Rodiño / Pontevedra CF

O triunfo do Pontevedra Club de Fútbol no Vao, estadio do Coruxo, non foi un máis para os granates, e é que con el conseguían poñer fin a unha das peores series de toda a historia do club como visitante.

Certo é que é xa unha nova tempada e que con Yago Iglesias á fronte o conxunto pontevedrés non perdeu aínda fóra da casa (empates contra Valladolid Promesas e Cayón e vitoria contra Coruxo), con 5 puntos de 9 posibles, pero é que a do domingo foi o primeiro triunfo lonxe de Pasarón de todo 2023, cando xa está ben entrado o mes de outubro.

A anterior vez que o equipo da Boa Vila regresou dun desprazamento cos tres puntos debaixo do brazo foi o pasado 18 de decembro de 2022, na xornada 17 de Primeira RFEF no campo do Algeciras, cun 0-2 con goles de Yelko Pino.

Desde entón e ata final de tempada, na que terminou perdendo a categoría en gran medida polos seus pobres números como visitante, non volveu puntuar fóra, 0 puntos de 30 posibles, tendencia que non foron capaces de levantar nin Antonio Fernández, nin Toni Otero nin Juan Señor no banco.

De feito, aínda que o Pontevedra enlazou dous triunfos seguidos nas xornadas 27 e 28 do pasado curso, ambos os dous en Pasarón, non encadeaba unha vitoria fóra cunha na casa desde o tramo final da campaña 21-22.

A próxima barreira a derrubar, e que estará a tiro no campo do líder Zamora, é a de tentar conseguir gañar en máis dunha saída consecutiva. Non o fan os granates desde o mes de decembro de 2021, cando venceron en tres saídas seguidas contra Avilés, Langreo e Salamanca CF UDS.

Para logralo os de Yago Iglesias deberán superar a un equipo, o zamorano, que está a marcar un inicio de tempada soñado. Seis partidos, seis vitorias cun balance de 10 goles a favor e ningún en contra.