A 'Rara, pero San Silvestre' entrega agasallos entre os seus participantes

Pontevedra
04 de febreiro 2021

Os agraciados nos sorteos leváronse 10 camisetas da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, 20 mochilas da tenda Miller Vintage Running Club e 10 roscóns e 10 vales de Panaderías A'Devesa

Saída simbólica da 'Rara, pero San Silvestre'
Saída simbólica da 'Rara, pero San Silvestre' / Mónica Patxot

Despedida, agora si definitiva, da 'Rara, pero San Silvestre', evento atlético impulsado pola Sociedad Gimnástica e a concellería de Deportes de Pontevedra en lugar da tradicional carreira que afacía despedir o ano na cidade.

Esta edición tan especial da San Silvestre, que se mantivo activa do 15 de decembro ao 15 de xaneiro, péchase agora coa entrega de agasallos aos participantes.

Desta forma, mediante un sorteo, entregáronse 10 camisetas da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, 20 mochilas da tenda Miller Vintage Running Club e 10 roscóns e 10 vales de Panaderías A'Devesa.

O edil de Deportes, Tino Fernández, quixo agradecer nesta despedida "a implicación e esforzo dos mecenas que fixeron posible que, nun contexto tan complicado, unha das probas máis singulares da nosa cidade saíse igualmente adiante grazas a un formato moi orixinal".

A 'Rara, pero San Silvestre' pechouse o pasado 15 de xaneiro cumprindo o seu obxectivo, promover a actividade física á vez que mantiña viva a chama da carreira popular.

En total a proba contou coa participación de 1.010 persoas que completaron máis de 10.000 quilómetros polos diferentes itinerarios creados en diferentes puntos do municipio.