A recadación da carreira popular 'Ponle Freno' irá destinada "integramente" a Pedaladas

Pontevedra
16 de xuño 2017

A proba, que substitúe á PonteNoite 5+5 no Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra, disputarase baixo o mesmo formato o sábado 1 de xullo pero dentro da iniciativa que promove o Grupo Atresmedia en favor da seguridade viaria

Participantes na cuarta edición da carreira popular PonteNoite 5+5
Participantes na cuarta edición da carreira popular PonteNoite 5+5 / Diego Torrado

O Concello de Pontevedra foi escenario este venres da presentación da primeira carreira 'Ponle Freno' que se organizará na cidade de Lérez.

A proba, que substitúe á PonteNoite 5+5 no Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra, disputarase baixo o mesmo formato o sábado 1 de xullo pero dentro da iniciativa que promove o Grupo Atresmedia en favor da seguridade viaria.

"Creo que hai unha certa simbiose entre esta campaña e a nosa actividade", explicou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, en relación ás medidas adoptadas na cidade para reducir a sinistralidade e converter as rúas nun espazo máis seguro.

A recadación da carreira irá destinada "integramente" á Asociación Pedaladas, sinalaron desde a organización, concretamente ao seu proxecto 'Ao INSTIenBICI' que busca potenciar a educación viaria nos escolares e fomentar o uso da bicicleta como medio de transporte.

As inscricións poderán formalizarse ata o 28 de xuño cun custo de 5 euros para os que opten por completar 5 quilómetros de percorrido e de 10 euros para os que afronten a carreira completa de 10 quilómetros.

Desta forma a saída das probas absolutas daranse ás 21:30 horas desde a Praza de España, primeiro para a modalidade longa e cinco minutos despois para a de 5 quilómetros, cun percorrido que discorrerá polo centro urbano e apto para que participe a maior xente posible.

A carreira 'Ponle Freno', que chega por primeira vez a Pontevedra tras celebrarse desde o ano 2008 en Madrid e expandirse hai un par de anos a outras zonas do estado, será a quinta cita puntuable do Circuíto de Carreiras Populares.