Despois de pasar unha fochanca de xogo e resultados, debido sobre todo ás lesións de varias das súas xogadoras, o Club Baloncesto Arxil espera confirmar este sábado a súa recuperación.
As verdes, que romperon a dinámica de catro derrotas consecutivas a pasada fin de semana cun triunfo no País Vasco, esperan seguir progresando na visita ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva (sábado, 19:30 horas) dun dos equipos máis en forma da competición, o Snatt's Femení Sant Adriá.
O cadro catalán é segundo na clasificación da Liga Feminina 2 despois de seis vitorias consecutivas, só superado polos invicto Aros León.
Mayte Méndez conta coa dúbida do estado físico de María González, que sufriu a pasada xornada unha escordadura nun dos seus nocellos, pero con Waleska Pérez subindo prestacións tras a súa lesión e Ana Román recuperada dun proceso febril, o Arxil espera poder recuperar a intensidade no seu xogo.
O choque será o último do ano para as pontevedresas, xa que a competición na Liga Feminina 2 retomarase despois o 8 de xaneiro na pista do Universidad de Oviedo.