A RFEBM desmárcase da desigual pretemporada dos equipos galegos e sinala á Xunta

Pontevedra
13 de agosto 2020

A menos dun mes para o inicio da liga, Cisne e Teucro deben adestrar sen contacto entre os seus xogadores e non poden disputar partidos amigables en Galicia pola actual normativa sanitaria. A Real Federación Española de Balonmán pide un criterio común que unifique a preparación dos equipos en todas as comunidades autónomas

Partido de Copa do Rei entre Cisne e Teucro no Pavillón Municipal
Partido de Copa do Rei entre Cisne e Teucro no Pavillón Municipal / Diego Torrado

O inicio das competicións de balonmán en España está ao virar a esquina. Se a situación sanitaria o permite, a liga Asobal, na que debutará o Cisne este curso, botará a rodar a primeira fin de semana de setembro, mentres que a División de Honra Prata, na que milita o Teucro, farao o día 26 do mesmo mes.

A menos dun mes para o inicio da liga, en Galicia continúan prohibidos os deportes de contacto e os equipos só poden adestrar en solitario ou con distancia entre os seus xogadores. Non ocorre o mesmo noutras comunidades autónomas do país nas que os clubs levan semanas adestrando con normalidade, o que supón un claro prexuízo para os equipos galegos na preparación dunha tempada que será máis disputada que nunca.

Diante das queixas dos conxuntos máis prexudicados, a Real Federación Española de Balonmán emitiu este xoves un comunicado no que despexa calquera tipo de responsabilidade e sinala aos gobernos autonómicos e ao CSD como os organismos encargados de resolver esta desigualdade.

"A regulación das actividades previas ao comezo da competición oficial, nos deportes federados non profesionais, non é competencia nin das Federacións Deportivas Españolas, nin do Consello Superior de Deportes, senón que corresponde aos organismos competentes de cada Comunidade Autónoma", recalcan.

Neste sentido, sinalan que "a RFEBM non estableceu nunca normas nin protocolos para definir nin organizar a forma na que os clubs deportivos estruturan os seus adestramentos nin deciden a disputa de partidos amigables previos ao comezo da competición". Aínda así subliñan que para facilitar a adaptación á nova normalidade, "elaboráronse dous protocolos exhaustivos e moi detallados con todas as recomendacións sanitarias, co fin de axudar a todos os clubs e entidades do noso deporte".

Citando a Real Decreto Lei 21/2020, desde a federación lembran que o Consello Superior de Deportes só ten competencias para garantir as condicións sanitarias e de seguridade en relación coas ligas profesionais de fútbol e baloncesto. "As administracións competentes para regular, organizar e decidir esas medidas e protocolos nas competicións oficiais non profesionais son as respectivas Comunidades Autónomas, no seu ámbito territorial", insisten.

O protocolo de saúde e seguridade para a nova tempada elaborado pola RFEBM, que inclúe recomentaciones a todos os clubs para a competicion e as actividades previas, atópase agora mesmo sometido á consideración do CSD. 

Así mesmo, a RFEBM xunto coas restantes federacións deportivas españolas de deportes de equipo, en colaboración co Comité Olímpico Español, solicitaron manter unha reunión co Ministerio de Cultura e Deportes co fin de fixar un protocolo común que ofreza seguridade sanitaria e xurídica para todos os que conforman o armazón do deporte, previo ao comezo da tempada 20/21. Dese encontro esperan extraer tamén un criterio común que se unifique para todas as comunidades autónomas e permita que todos os equipos poidan facer unha preparación para a competición en igualdade de condicións.

No escrito, sosteñen tamén que a RFEBM é unha entidade privada con funcións públicas delegadas, pero que non se trata dunha "entidade encargada de regulamentar nin rexer competencias sanitarias que exceden do seu ámbito, como é o caso da pandemia provocada pola COVID-19".