A SCD Salcedo denuncia o roubo de portas, chaves de luz e enchufes no campo de fútbol do Casal

Pontevedra
17 de novembro 2022

Os feitos, detectados durante a fin de semana, foron posto en coñecemento da Policía Nacional. "O máis sorprendente é que tentaron levar o portal grande rompendo o piar", sinalan desde a entidade deportiva

Danos no portal de entrada ao campo do Casal, en Salcedo
Danos no portal de entrada ao campo do Casal, en Salcedo / SCD Salcedo

Os amigos do alleo fixeron acto de presenza no campo de fútbol do Casal, en Salcedo.

Así o denuncia a Sociedade Cultural Deportiva Salcedo, entidade que segue usando estas instalacións deportivas á espera de poder contar co proxectado novo campo de céspede artificial na parroquia, e que segue sen finalizrse dous anos despois da cesión de terreos da Mancomunidade de Montes ao Concello de Pontevedra.

Ocorreu a fin de semana, cando ao chegar ao Casal os responsables do Salcedo "levamos unha sorpresa", explican, xa que "nos roubaron dúas portas pequenas, chaves de luz, de enchufe, descolocaron todos os cables de corrente, roto focos e descolgáronos".

Ademais "o máis sorprendente é que tentaron levar o portal grande rompendo o piar", sinala o club.

Os feitos foron postos en coñecemento da Policía Nacional mediante a pertinente denuncia e coa esperanza de poder dar cos responsables.