A segunda concentración da Superdivisión masculina de tenis de mesa aterra en Príncipe Felipe

Pontevedra
25 de marzo 2021

O pavillón da cidade infantil acollerá durante a fin de semana, sábado 27 e domingo 28, tres xornadas da máxima categoría co Tenis de Mesa Monte Porreiro tentando confirmar as súas boas sensacións para distanciarse desde o principio dos postos de descenso

Martín Bentancor co Tenis de Mesa Monte Porreiro na Superdivisión masculina 19-20 fronte ao Priego TM
Martín Bentancor co Tenis de Mesa Monte Porreiro na Superdivisión masculina 19-20 fronte ao Priego TM / Diego Torrado

Importante fin de semana para o Tenis de Mesa Monte Porreiro, que exercerá de anfitrión na segunda concentración da liga de Superdivisión masculina.

Ata tres xornadas da máxima categoría disputarase entre o sábado 27 de marzo e o domingo 28, con presenza en Pontevedra ademais de equipos como o DOC Servizos  Hispalis, o CD Covirán Huétor Vega, San Sebastián de los Reyes e o ADTM Leganés, ademais do propio  Visit Pontevedra.

Será unha cita na que os pontevedreses tentará confirmar as súas boas sensacións da concentración inicial, cun empate e unha derrota ante equipos chamados a estar nos postos de honra como o Arteal e o Borges, respectivamente. Agora, os de Nando Álvarez buscarán traducir esa imaxe en puntos para afastarse canto antes da zona de descenso.

En primeiro lugar, ás 11.00 horas do sábado, o Monte Porreiro enfrontarase ao Huétor Vega, que aínda non sumou puntos esta tempada. Á mesma hora mediranse tamén Leganés e Hispalis. Pola súa banda ás 18.30 horas da tarde enfrontaranse San Sebastián de los Reyes e Hispalis por unha banda e Leganés e Huétor Vega pola outra.

Por último na matinal do domingo, a partir das 11.00, o Visit Pontevedra afrontará o seu segundo encontro contra o Hispalis, mentres que o San Sebastián de los Reyes medirase ao Huétor Vega.

Permitirase a entrada de público cumprindo coas medidas de prevención contra a covid. Será ademais a oportunidade de ver en acción por primeira vez á fichaxe estrela do equipo esta campaña, o portugués  André Silva.

Tras afrontar unha saída a San Sebastián de los Reyes, o Monte Porreiro volverá ser organizador de outra concentración da Superdivisión o 8 de maio.

DIVISIÓN DE HONRA

Vigo será o escenario, tamén esta fin de semana, da segunda concentración da División de Honra Feminina, na que o Monte Porreiro comezou a liga cunha  vistoria e unha derrota. Pola súa banda o filial masculino de División de Honra desprazarase a Lugo.