A pontevedresa Laura Dios chamou a atención dos técnicos da Federación Española de Voleibol.
A xogadora do Club Voleibol Pontevedra acaba de ser convocada polo equipo nacional Sub-17 para participar na concentración que levará a cabo do 21 ao 25 de febreiro en Soria.
Laura é unha das 12 xogadoras citadas polo seleccionador Jorge Barrero, sendo a única representante galega na lista.
Estas xornadas de adestramento enmárcanse dentro da preparación do torneo clasificatorio para o Campionato de Europa da categoría.
O Europeo, gran reto da tempada para o equipo nacional, disputarase do 1 ao 8 de agosto en Montenegro, toda unha experiencia que está ao alcance desta xoven pontevedresa.