A Selección Española Sub-21 xogará o 10 de outubro en Pasarón

Pontevedra
07 de setembro 2016

Estonia será o rival de España no último e decisivo partido de clasificación para o Campionato de Europa da categoría. O encontro xogarase o luns 10 de outubro ás 18:45 horas, segundo confirmou este mércores a Federación Galega de Fútbol

Estadio Municipal de Pasarón
Estadio Municipal de Pasarón / Mónica Patxot

O Estadio Municipal de Pasarón volverá acoller un partido internacional, concretamente o último e decisivo encontro da fase de clasificación para o Campionato de Europa Sub-21.

Estonia será o rival da Selección Española Sub-21 nun partido que se fixou para o luns 10 de outubro ás 18:45 horas.

Así o confirmou este mércores a Federación Galega de Fútbol, tras recibir a notificación pertinente da Real Federación Española de Fútbol concedéndolle o encontro. A elección de Pasarón débese, sinalan, ás súas "idóneas condicións e despois de ser aprobada polos responsables técnicos da RFEF, incluído o propio seleccionador", contando ademais coa aprobación do Concello e do Pontevedra Club de Fútbol.

A selección sub-21, adestrada por Albert Celades, necesita gañar os dous partidos que restan da clasificación (o 5 de outubro ante San Marino e o 10 ante Estonia) para ter opcións de finalizar primeiros de grupo ou na súa falta ser segundos e acudir á repesca.

A falta de que se desvele a convocatoria oficial, en Pasarón poderían xogar grandes nomes do fútbol internacional que son habituais na Selección Española Sub-21, como  Héctor Bellerín (Arsenal), Oliver Torres (Oporto), Denís Suárez (FC Barcelona), Saúl (Atlético de Madrid), Mikel Merino (Borussia Dortmund), Pau López (Tottenham), Iñaki Williams (Athletic Club), Deulofeu (Everton), Gayá (Valencia), Munir (Valencia) ou Santi Mina (Valencia), entre outros.