A Selección Española volve confiar na portería do Poio Pescamar para os amigables fronte a Brasil

Poio
01 de febreiro 2021

Silvia Aguete regresa a unha convocatoria da Selección Española Absoluta tras varios meses fose debido a problemas físicos, uníndose á súa compañeira Caridad García na lista. A pontevedresa Jenny Lores, tamén citada polo combinado nacional

As porteiras do Poio Pescamar, Silvia Aguete e Caridad García, coa selección española
As porteiras do Poio Pescamar, Silvia Aguete e Caridad García, coa selección española / Poio Pescamar

Xusto o día en que o Poio Pescamar empeza a recuperar a normalidade superado o gromo de Covid que afectou o plantel e obrigou a aprazar ata tres xornadas de liga, o conxunto conserveiro recibiu unha boa nova por parte da Real Federación Española de Fútbol.

Esa noticia é a convocatoria das úas dúas gardametas, Silvia Aguete e Caridad García, para a dobre cita amigable que a Selección Española Absoluta afrontará en febreiro ante o combinado nacional de Brasil.

Desta forma Silvia, que nos últimos meses ausentouse das convocatorias da seleccionadora Claudia Pons, regresa á lista superados os seus problemas físicos e únese á súa compañeira no Poio, unha Caridad que vén de ser nomeada a cuarta mellor porteira do mundo.

Ambas, xunto á pontevedresa Jenny Lores, do Ourense Envialia, formarán parte do equipo español que se concentrará do 7 ao 11 de febreiro, é dicir, tras a próxima xornada de liga. Os partidos amigables terán lugar na Ciudad del Fútbol de Las Rozas os días 9 e 10.

Con este xute de optimismo, as vermellas retoman esta semana os adestramentos para preparar o seu regreso á competición, pendentes de buscar data para os encontros aprazados e co partido de liga contra o Viaxes Amarelle no horizonte, estando previsto para o sábado 6 de febreiro na Seca.