Non serán semanas tranquilas as que esperan a partir de agora ao Poio Pescamar, que esta semana volveu á normalidade de adestramentos e competición superado un gromo de coronavirus no equipo.
Esa circunstancia obrigou a aprazar as tres últimas xornadas de liga, datas que agora debe recuperar e que obrigarán a afrontar un auténtico maratón de partidos, con semanas de tres encontros.
Polo de súpeto as vermellas traballan en recuperar a súa forma física pensando no choque co que volverán ás pistas, o vindeiro domingo 7 de febreiro ás 19.00 horas na Seca fronte ao Viaxes Amarelle, sétimo clasificado do grupo con 6 puntos.
Pese ao parón o Poio mantén aínda o segundo posto da táboa con 19 puntos, lugar que agora deberá defender con uñas e dentes.
En canto aos compromisos aprazados, séguese a traballar en atopar datas, sen que se chegase a un acordo pola dificultade dalgúns rivais de xogar e desprazarse en días laborables, algo que non ocorre nun plantel profesional como o da Seca. Neste sentido o cadro conserveiro debe recuperar os encontros ante Leganés na casa, Roldán fóra e Cidade das Burgas, tamén a domicilio, xunto ás seis xornadas que restan para finalizar a primeira fase da liga.
Este partido en Ourense, o último en aprazarse, era o primeiro previsto para recuperar xa a próxima semana, pero a convocatoria coa Selección Española Absoluta das dúas gardametas do Poio, Silvia Aguete e Caridad, frustrou inicialmente esa posibilidade, antes de coñecerse a cancelación dos amigables fronte a Brasil.