Axuste no calendario do Poio Pescamar para recuperar as xornadas perdidas pola covid

Poio
16 de febreiro 2021

O club conserveiro acordou co resto de equipos implicados novas datas para os seus partidos, empezando por un cambio de xornada para recibir este mesmo sábado ao Leganés na Seca en lugar do Futsi Atlético Navalcarnero, partido polo liderado do grupo que se atrasaría ata o mes de marzo

Partido entre o Poio Pescamar e Viaxes Amarelle na Seca
Partido entre o Poio Pescamar e Viaxes Amarelle na Seca / Cristina Saiz

Nova folla de ruta para o Poio Pescamar no tramo final da primeira fase da competición na Primeira División Feminina de fútbol sala.

Despois dunha reunión do Comité Nacional de Fútbol sala da Real Federación Española de Fútbol cos clubs da Primeira e Segunda División, para abordar a mellor maneira de recuperar as xornadas aprazadas pola covid, o conxunto conserveiro pactou novas datas para os seus partidos pendentes cos clubs implicados.

Así, a falta da confirmación oficial do Comité de Competición, eses axustes supoñerán cambios importantes no calendario esta mesma semana, na que debía visitar o pavillón da Seca o líder do Grupo A e principal rival do Poio, o Futsi Atlético Navalcarnero.

Este partido atrasarase ata o próximo 20 de marzo, data fixada no calendario como de recuperación de partidos, e xogarase este sábado 20 fronte ao Leganés, primeiro duelo aprazado polo brote de covid no Poio Pescamar aproveitando que é data de descanso para o cadro madrileño.

Ademais o equipo conserveiro deberá viaxar entre semana, concretamente o mércores 10 de marzo, a Murcia para medirse ao Roldán, segundo dos partidos pendentes tras poder recuperar xa o terceiro adiado, fronte ao Cidade das Burgas aproveitando a proximidade entre Ourense e Poio.