A sexta edición do Torneo Internacional Cidade de Pontevedra, toda unha festa do xadrez

Pontevedra
09 de agosto 2018

A competición organizada pola Escola Xadrez Pontevedra levantou este mércores o pano da súa edición máis ambiciosa no pavillón do colexio Los Sauces

VI Torneo Internacinal de Xadrez Cidade de Pontevedra Escola Xadrez Pontevedra

Máis que unha competición, o Torneo Internacional Cidade de Pontevedra de xadrez converteuse en toda unha celebración.

Este mércores comezpou no pavillón do colexio Los Sauces a súa edición máis ambiciosa, a sexta, con preto de 200 xadrecistas procedentes de 19 países diferentes.

Trátase, tal e como recoñeceron os seus organizadores, da competición internacional de maior nivel de toda a historia do xadrez galego.

O gran mestre ruso Anton Demchenko figura como número 1 do torneo, que tamén conta con grandes referentes como a sete veces campioa de España Mónica Calzetta ou Patricia de León, a actual campioa de Uruguai.

Unha das principais novidades da competición desta edición é a división en dous grupos do torneo, o A ou Masters e o  B ou Amateur, este último reservado a xogadores cun  ELO internacional inferior a 2.000 puntos. O obxectivo da organización é propiciar para aqueles xogadores que desexan xogar un torneo máis forte.

O resultado desta modificación no sistema de competición foi un Torneo A moi forte no que xa nas primeiras roldas moitos Mestres estiveron contra as cordas. Aínda que ningún caeu derrotado, sete deles deberon conformarse co empate.

A competición internacional seguirá o seu curso ata o vindeiro martes 14 de agosto.