A tenista arousá Jéssica Bouzas consegue un ouro e un bronce nos Xogos Mediterráneo

O Salnés
01 de xullo 2022

A deportista de Vilagarcía levou a vitoria no cadro de dobres coa súa compañeira Guiomar Maristany, mentres que no cadro individual caeu nunhas apertadas semifinais e colgouse o bronce sen disputar o partido por incomparecencia do seu rival

Jessica Bouzas, nos Xogos do Mediterráneo
Jessica Bouzas, nos Xogos do Mediterráneo / Comité Olímpico Español

Extraordinario botín o conseguido pola tenista vilagarciá Jéssica Bouzas nos Xogos do Mediterráneo que se están celebrando na cidade alxerina de Oran. A prometedora deportista concluíu este venres a súa participación no campionato colgándose o ouro en dobres e o bronce, na modalidade individual. 

O concurso de Bouzas en Alxeria foi impecable e só un mal momento nas semifinais individuais impedíulle mellorar aínda máis os seus resultados. No cadro individual, a arousá despachou pola vía rápida á portuguesa Mariana Alves e á marroquí Yasmine Kabbaj en oitavos e cuartos de final.

O tropezo chegou no momento máis inesperado. Despois de vencer no primeiro set, a galega viu como a italiana Nuria Brancaccio igualaba a contenda noutro igualado set. No definitivo, a italiana dominou con claridade, pero cando Bouzas estaba contra as cordas, a un só xogo da derrota, tirou de carácter para recortar distancias e meter o medo no corpo á transalpina, que finalmente levou o set definitivo por 3-6. 

A final polo bronce non chegou a disputarse porque a súa rival, a tunisiana Chiraz Bechri tivo que retirarse lesionada cando disputaba a semifinal contra a outra tenista española do campionato, Guiomar Maristany, que competirá este venres polo ouro.

Maristany foi tamén a compañeira de Bouzas no cadro de dobres. Unha dupla imbatible que dominou con man de ferro en todos os cruces, incluída a final, que venceron pola vía rápida (3-6 e 2-6) ás maltesas Francesca Curmi e Elaine Genovese.