A volta ante o Atlético Granadilla, o domingo ás 20:00 horas

Pontevedra
04 de xuño 2014

A Federación Española fixa finalmente o horario parra a tarde do domingo despois de varios días de incerteza. O conxunto canario pretendía xogar o sábado ás 16:00 horas da tarde

Partido entre Pontevedra e Atlético Granadilla en Pasarón
Partido entre Pontevedra e Atlético Granadilla en Pasarón / Diego Torrado

Despois de varios días de incerteza a Real Federación Española de Fútbol fixou definitivamente o horario do partido de volta entre Atlético Granadilla e Pontevedra para o domingo, 8 de xuño, ás 20:00 horas da tarde, horario peninsular.

Remata así unha telenovela que se iniciou co horario do partido de ida e que continuou ao pretender o equipo canario xogar o sábado ás 16:00 horas.

O Atlético Granadilla alegaba a celebración o domingo dun choque de fútbol feminino, polo ascenso á Superliga, e unha romaxe que complicaba os accesos ao Estadio Francisco Suárez.

O problema residía en que os voos reservados pola propia Federación para a viaxe da expedición granate consideraban a chegada dos lerezanos apenas unhas horas antes do partido se este se disputaba o sábado.

A intención inicial da Federación era poder disputar o choque de volta da semifinal polo ascenso na mañá do domingo, pero finalmente decantáronse polas 20:00 horas, polo que os granates terán que quedar en Tenerife ata o luns.

Agora os de Manu Fernández, unha vez coñecida a decisión, centraranse en defender a renda de tres goles a cero conseguida no partido de ida para seguir aspirando a subir de categoría.