A volta de público ao Municipal, un extra para o Teucro no momento máis delicado da tempada

Pontevedra
02 de marzo 2021

O club pontevedrés poderá contar con ata 250 espectadores nas bancadas do Municipal para o encontro aprazado fronte ao Bordils, no que estarán en xogo 2 puntos vitais para afrontar con garantías a fase pola permanencia na División de Honra Prata

Público no Pavillón Municipal no partido entre o Teucro e a Unió Esportiva Sarrià
Público no Pavillón Municipal no partido entre o Teucro e a Unió Esportiva Sarrià / Cristina Saiz

Un partido réstalle á Sociedad Deportiva Teucro para finalizar a primeira fase da liga na División de Honra Prata, un trámite que xa completaron o resto dos seus rivais.

Os azuis, que deben recuperar este sábado 6 de marzo (19.30 horas) o duelo aprazado a finais de xaneiro fronte ao Bordils por un gromo de Covid, contan coa vantaxe de coñecer a situación que se atoparán na segunda fase do campionato, no que deberán loitar pola permanencia.

Por iso mesmo no Teucro son conscientes de que o choque contra o Bordils, último do seu grupo, pode supoñer unha diferenza abismal. Son 2 puntos que contarán na liguiña pola permanencia, e que no caso de conseguilos achegarán unha importante dose de tranquilidade aos de Irene Vilaboa, que pasarían o corte sen a auga ao pescozo. Pola contra de perder, aínda que non decisiva, a situación elevaría notablemente a presión ao situarlles en postos de descenso a Primeira Nacional.

A diferenza é substancial, e é que se os pontevedreses vencen encararían a segunda fase con 10 puntos igualados co Zamora e Sarrià, e só superados polo Trops Málaga e Zarautz con 12, mentres que Lalín conta con 9 puntos, 7 puntos o Sant Martí, 6 o Ikasa Madrid, 4 o Bordils e 0 o  Trapagaran.

Cabe lembrar que son 5 os equipos que descenderán finalmente, polo que de quedar con 8 puntos o Teucro estaría xusto na fronteira que marca a perda de categoría.

Nesta situación calquera axuda é un extra, e iso é o que achegará o regreso dos afeccionados ao Pavillón Municipal dos Deportes, que por primeira vez este 2021 contará con público nas bancadas. A entidade teucrista de feito xa abriu a reserva de localidades para un partido ao que poderán asistir ata 250 espectadores segundo a última actualización da normativa publicada pola Xunta de Galicia. Non serán todos o que quixese o club, pero a recado faranse notar nun encontro tan importante.