A xestión da base e a coordinación de adestradores, nova ocupación para Jabato no Cisne

Pontevedra
20 de xuño 2022

"Desengancharse dun proxecto tan bonito non era sinxelo", recoñeceu o ata hai pouco adestrador do primeiro equipo do Cisne, que a partir de agora colaborará co club noutras tarefas

Abián Rodríguez, Santiago Picallo e Jabato
Abián Rodríguez, Santiago Picallo e Jabato / Mónica Patxot

Apenas dúas semanas estivo soamente Javier Fernández 'Jabato' afastado do Club Cisne Balonmán.

O ata hai pouco adestrador do primeiro equipo cisneísta, co que celebrou dous ascensos á Liga Asobal, seguirá ligado á entidade con novas ocupacións. En concreto será o novo responsable da xestión das categorías base, coordinador dos técnicos do club e director do proxecto no Colegio Los Sauces.

"Desengancharse dun proxecto tan bonito non era sinxelo", sinalou este luns en rolda de prensa o propio Jabato asegurando que "sempre me considerei un adestrador moi de base".

Trátase doutra maneira de seguir achegando a un proxecto que supón "estar seguramente nunha das mellores canteiras a día de hoxe no balonmán nacional". 

"Estamos a consolidar de maneira importante o proxecto das nosas categorías base, que é a nosa razón de ser", explicou pola súa banda o presidente do Cisne, Santiago Picallo.

A intención será ademais "dar continuidade" a un traballo iniciado en 2008 por Pablo Domínguez, ao que ambos os dous agradeceron o seu labor.

ABIÁN RODRÍGUEZ E CARLOS OCAÑA, AO PRIMEIRO EQUIPO

A rolda de prensa contou tamén coa presenza de Abián Rodríguez. O porteiro canario, aínda que contará con ficha do filial, pasará a estar en dinámica do equipo de Asobal. En situación similar estará tamén Carlos Ocaña, que se espera aumente a súa presenza no primeiro equipo.