O Cisne sela a súa portería coas renovacións de Roney Franzini e Abián Rodríguez

Pontevedra
02 de xullo 2022

As renovacións no Club Cisne Balonmán continúan vento en popa, sobre todo para a portería, xa que estes días o conxunto branco anunciou que os gardametas Roney Franzini e Abián Rodríguez continuarán unha tempada máis

Roney Franzini no partido entre Cisne e Barça B no Municipal
Roney Franzini no partido entre Cisne e Barça B no Municipal / Cristina Saiz

As renovacións no Club Cisne Balonmán continúan vento en popa, sobre todo para a portería, xa que estes días o conxunto branco anunciou que os gardametas Roney Franzini e Abián Rodríguez continuarán unha tempada máis.

Xa se coñecía que o novo gardameta canario seguiría nas filas pontevedresas con ficha do filial pero pasará a estar na dinámica do equipo en Asobal, igual que o seu compañeiro Carlos Ocaña.

"El año que viene será mi primera temporada con el sénior y estoy muy contento de anunciar mi renovación con el Cisne. Quería dar las gracias a la afición, compañeros y directiva por contar conmigo un año", admitiu Rodríguez a través das redes sociais do club.

O que tamén xogará unha tempada máis co Cisne será Roney Franzini. O brasileiro chegou a metade da pasada tempada para substituír ao lesionado Jorge Villamarín e converteuse nun dos protagonistas indiscutibles do ascenso do equipo a Asobal.

Franzini agradeceu aos directivos "por depositar su confianza en mi y darme la oportunidad de jugar en este club" e recoñeceu que "lo haré lo mejor que pueda y trabajaré mucho para mantener al Cisne en la categoría".

Desta forma, o Cisne contará en portería con Roney Franzini, Abián Rodríguez, Pablo González e o ex do Teucro Kilian Ramírez.

SERGIO REY SEGUIRÁ COMO PREPARADOR FÍSICO

O equipo pontevedrés aproveitou esta semana para anunciar tamén a que consideran unha "estupenda noticia".

Trátase da renovación de Sergio Rey como preparador físico e readaptador deportivo, tanto do equipo sénior como do xuvenil.