Asobal fixa en 56.000 euros o canon para pagar polo Cisne

Pontevedra
13 de xullo 2022

O club pontevedrés debe abonar ademais antes do próximo venres 15 de xullo 12.100 euros en concepto de inscrición para participar a próxima tempada na máxima categoría, unha carreira económica que continúa coa procura de recursos para cumprir un orzamento que roldará o medio millón de euros

Santi Picallo, presidente do Club Cisne Balonmán
Santi Picallo, presidente do Club Cisne Balonmán / Diana Eiras

O Club Cisne Balonmán continúa coa súa carreira a contrarreloxo para asegurar os apoios económicos que lle permitan certificar o seu salto á máxima categoría, tras conseguir na pista o seu salto á Liga Asobal,

Nesa carreira o club pontevedrés xa coñece cales son as esixencias marcadas pola asociación de clubs tras a recente reunión dos seus socios, fixándose en 56.000 euros o canon a abonar por parte dos recentemente ascendidos, é dicir, o proio Cisne e o Guadalajara.

Todos os clubs excepto un aceptaron ademais que os pagos desa cota poidan fraccionarse en tres prazos dentro do primeiro semestre do ano (28.000, 14.000 e 14.000 euros respectivamente).

A todo iso súmase que o Cisne debe afrontar esta mesma semana, antes do venres día 15 de xullo, o pago de 12.100 euros en concento de inscrición, obrigación que ten previsto cumprir.

Todo iso "coincide máis ou menos coas cifras que tiñamos previstas no orzamento", recoñeceu o presidente cisneísta, Santiago Picallo, en pleno esforzo por cadrar unhas contas que ascenderán a preto de medio millón de euros.

Un dos puntos crave dentro de todo iso é a procura dun novo patrocinador principal, unhas negociacións que polo momento se resisten.

O PRIMEIRO PARTIDO DE LIGA, FÓRA DA CASA

Doutra banda o Cisne solicitou na reunión co resto de clubs de Asobal comezar a próxima tempada co seu primeiro encontro fóra da casa, co obxectivo de dar uns días máis de marxe ás obras que se están levando a cabo no Pavillón Municipal dos Deportes e que teñen prevista a súa finalización para a primeira semana do mes de setembro.