A xira norteamericana de Aarón González

Marín
31 de xullo 2018

O boxeador marinense atópase en Estados Unidos, onde viaxou para coñecer e prepararse con algúns dos mellores púxiles e adestradores a nivel mundial 

Aarón González con Duno Romero e cun deportista olímpico australiano
Aarón González con Duno Romero e cun deportista olímpico australiano / Team Thunder Marín

É unha dos grandes lugares do boxeo mundial, e por iso Aarón González quixo descubrilo de primeira man.

O púxil marinense atópase estes días de xira en Estados Unidos, concretamente en Hollywood, Los Ángeles, onde pasará un tempo adestrando para tentar seguir mellorando o seu nivel.

Aarón elixiu un ximnasio de soleira, rexentado e coordinado por Freddy Roach, un dos mellores adestradores a nivel mundial e no que se preparan grandes campións como Amir Khan, Miguel Cotto ou mesmo Manny Pacquiao.

O deportista do Team Thunder tivo a oportunidade de facer de sparring con boxeadores de nivel mundial como o filipino Duno Romero e compartir sesións con deportistas doutros puntos da xeografía mundial, que se atopan concentrados neste ximnasio.

Ademais está prevista a súa participación en varios combates para celebrar na cidade de Los Ángeles.