Aarón González proclámase en Murcia campión de España de boxeo olímpico

Marín
21 de decembro 2015

O púxil marinense venceu na final do peso welter ao valenciano Rubén Martínez. O Team Thunder tamén desprazou ata Los Alcáceres a Rocío Suárez, que conseguiu a medalla de prata na súa categoría

Alberto Teijeiro, Aarón González e Rocío Suárez en Los Alcáceres
Alberto Teijeiro, Aarón González e Rocío Suárez en Los Alcáceres / Team Thunder Marín

Destacado papel do Team Thunder de Marín no Campionato de España de Boxeo Olímpico de Clubs celebrado na localidade murciana de Los Alcáceres.

Aarón González conseguiu facerse co título no peso welter, despois de vencer na final ao valenciano Rubén Martínez nun combate difícil ante un rival que buscaba o K.O. desde o inicio.

As puntuacións dos xuíces foron positivas para o marinense, favorecido ademais pola amoestación ao seu rival no segundo asalto por propinar golpes baixos.

Tamén se desprazou a Murcia Rocío Suárez, que caeu na final do peso minimosca ante a aragonesa Silvia Otero nunha decisión axustada dos xuíces.

Con estes resultados o Team Thunder pecha un ano moi positivo, no que tamén sumou medallas no Campionato de España de Formas (Carlos Rodríguez) e Xove Feminino (Alba Pedrosa).