A pasada foi unha fin de semana especial para Aarón González, que viu recoñecido o seu gran papel durante a última tempada na gala "Os Mellores do Boxeo Español", organizada pola Asociación Española de Boxeo (AEBOX).
Na gala celebrada no auditorio municipal de Boadilla del Monte, Madrid, o púxil marinense foi premiado como o mellor boxeador amateur de España do ano 2017.
Todo un logro para o deportista do Team Thunder, que compartiu o evento con grandes personaxes do mundo do boxeo como o oito veces campión mundial Javier Castillejo.
A actividade da fin de semana completouse ademais con tres combates disputados o sábado na Coruña como rodaxe para o próximo Campionato Galego. Nos mesmos Aarón González non logrou superar ao campión cubano Jeiler Sorzano.
Pola súa banda Mario Peteiro cedeu aos puntos ante Christian Maroñas, mentres que Abel Ferreira, terceiro dos representantes do Team Thunder, fíxose cunha vitoria ante o coruñés Eloy Figueira.