O Club Cisne Balonmán, Club Baloncesto Arxil e Voleibol Pontevedra poderán seguir adestrando no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, tras alcanzar un acordo coa Secretaría Xeral para o Deporte.
Así o confirmou este venres a propia secretaria xeral, Marta Míguez, antes do acto de apertura de curso no CGTD. "Deberán ter algunhas horas noutras instalacións pero por agora si que temos cabida aquí para outros clubs", sinalou en declaracións a PontevedraViva.
En virtude do acordo os clubs deberán asumir o custo de retirar e instalar as pistas de bádminton que se colocarán no pavillón de luns a xoves para poder levar a cabo os seus adestramentos, tarefas que se realizarán por medio de persoal especializado. O venres será o propio centro o que, tal e como comprometera nun principio, retirará por completo estas pistas para despexar o pavillón durante a fin de semana e que se poidan disputar alí as competicións oficiais dos equipos da cidade.
Marta Míguez: "Temos que ter a visión xeral clara, isto é un centro de tecnificación, non é unha instalación municipal"
En todo caso Marta Míguez declarou que "temos que ter a visión xeral clara, isto é un centro de tecnificación, non é unha instalación municipal. Partindo desta base o Concello de Pontevedra é o que debe asumir a xestión municipal dos clubs e dotalos das horas necesarias para que poidan realizar a súa labor ".
De feito, ante a redución de horas dispoñibles este curso no pavillón do CGTD, o Servizo Municipal de Deportes tivo que facer encaixe de palillos para outorgar aos clubs implicados máis horas de pista noutras instalacións.
O pacto coa Secretaría Xeral para o Deporte despexa as dúbidas de Arxil, Cisne e Voleibol Pontevedra para a presente campaña. Ademais Marta Míguez asumiu a petición municipal de prolongar o uso do CGTD ata que estea dispoñible o futuro pavillón da Parda, algo no que "non houbo nunca ningún problema, dende o principio se falou", explicou a máxima responsable do deporte autonómico.