Acordo con Álvaro Naveira para a súa saída do Pontevedra

Pontevedra
04 de setembro 2020

O lateral zurdo, ao que quedaba un ano de contrato, chegou a un acordo co club granate para a súa saída. A contratación de Xisco Campos deixara ao Pontevedra cunha ficha sénior de máis no plantel, situación que con esta saída queda emendada

Álvaro Naveira, no primeiro adestramento da pretempada 2020-2021 do Pontevedra CF Cristina Saiz

A etapa de Álvaro Naveira no Pontevedra Club de Fútbol chegou oficialmente ao seu fin.

O lateral zurdo, ao que lle restaba un ano de contrato, chegou a un acordo co club para a súa saída, e pon rumbo ao Arenteiro da Terceira División.

A chegada ao equipo de Xisco Campos deixaba ao Pontevedra cunha ficha sénior de máis, situación que con esta baixa quedou resolta á espera de se se produce algunha fichaxe máis, que tería que ser sub-23.

Naveira despídese desta maneira da entidade de Pasarón despois de só unha tempada na que apenas gozou de oportunidades. 

Tras chegar procedente do Compostela o pasado verán, o lateral fíxose un oco no equipo nas tres primeiras xornadas de liga, nas que foi titular, pero tras non convencer ao técnico, por aquel entón Luismi, desde entón quedou relegado a un segundo plano disputando só dous partidos máis no campionato ata a súa suspensión.

O Pontevedra despediuse de Álvaro Naveira en redes sociais desexándolle "a mellor das sortes".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora