A vivenda gaña peso na elección de universidade

Pontevedra
23 de xullo 2026

Case nove de cada dez alumnos da UVigo cren que o apoio para atopar vivenda inflúe na elección de universidade

Un grupo de alumnas e alumnos no campus de Pontevedra
Un grupo de alumnas e alumnos no campus de Pontevedra / DUVI - Universidade de Vigo

O acceso a unha vivenda asequible consolídase como un dos principais factores que condicionan a experiencia universitaria e, en moitos casos, a elección do centro de estudos. Así se desprende dun estudo encargado polo Consello Social da Universidade de Vigo, cuxos primeiros resultados revelan que o 89% do alumnado considera que dispor de apoio para atopar aloxamento pode influír de forma importante á hora de escoller universidade.

O informe, presentado este martes durante un pleno extraordinario do Consello Social celebrado no castelo de Maceda (Ourense), pon tamén de manifesto que o 87,9% dos estudantes entende que a modalidade de aloxamento condiciona a súa experiencia universitaria e que máis dun terzo bota en falta algún tipo de apoio institucional para acceder a unha vivenda.

O traballo, titulado O aloxamento universitario na Universidade de Vigo. Contexto, diagnóstico e retos, foi elaborado polos profesores Isabel Diéguez, Ana Gueimonde e Andrés Mazaira, do Departamento de Organización de Empresas e Mercadotecnia.

Para a súa elaboración analizáronse tanto a oferta de aloxamento como a demanda existente nos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense, ademais de compararse a situación coa doutras universidades españolas e internacionais.

O estudo inclúe unha enquisa realizada a máis de 700 estudantes da institución académica.

Os responsables do informe sosteñen que os datos evidencian que o acceso á vivenda transcende o ámbito residencial e converteuse nun elemento crave para garantir a igualdade de oportunidades, favorecer a permanencia do alumnado e mellorar a capacidade de atracción da Universidade de Vigo.

Neste contexto, o Consello Social considera necesario impulsar medidas a medio e longo prazo que permitan mellorar as condicións de aloxamento dos estudantes, facilitar a mobilidade entre o tres campus e reforzar a competitividade da institución nun escenario universitario cada vez máis exixente.

As conclusións completas do estudo e as posibles liñas de actuación derivadas do mesmo daranse a coñecer o próximo mes de setembro.

A sesión celebrada en Maceda foi tamén a primeira na que participaron a nova reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo; a secretaria xeral, Emma Rodríguez, e a xerente, Ana Comesaña. O presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, trasladou ao novo equipo reitoral a súa vontade de manter unha colaboración estreita para afrontar os principais retos estratéxicos da universidade.

Ademais, tratouse do primeiro pleno do Consello Social celebrado fóra de instalacións universitarias ou empresariais. Durante o encontro, Pedrosa agradeceu a colaboración do Concello de Maceda e da súa alcaldesa, Uxía Oviedo, así como a acollida brindada no castelo da localidade, onde se desenvolveu a reunión tras unha visita ao Museo do Médico Rural.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora