Hai pouco máis de 24 horas que Carmen García Mateo é a nova reitora electa da Universidade de Vigo, pero ao longo das últimas semanas foi esbozando os plans do seu equipo para o campus de Pontevedra.
"Este é o momento de que as promesas de novos espazos se cumpran", sostivo a representante de Nós Universidade durante a campaña electoral.
A este respecto, reivindicou a necesidade de asinar co Concello o convenio para o novo edificio en Tafisa que, ademais de acoller a Facultade de Deseño, poida acabar sendo unha "oportunidade" para resolver a limitación de espazos de Belas Artes.
O seu compromiso é que ao final do seu mandato, que se estenderá durante seis anos, "sexa unha realidade" que esta parcela conte con dotacións que permitan ampliar o campus universitario e conectalo aínda máis coa cidade.
A iso sumou a construción dun módulo que permita ampliar a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e, por suposto, unha residencia universitaria.
De cara a esta residencia, García Mateo entende que o plan estatal de vivenda supón unha "ventá de oportunidade" para a súa construción, tendo en conta ademais que o Concello conta con terreos dispoñibles nos que poder situala.
En todo caso, a nova reitora entende que a universidade debe colaborar coas institucións locais para avanzar cara a un campus "máis vivo e sostible" e no que haxa unha maior peonalización, especialmente no ámbito da Xunqueira.

O futuro da Casa das Campás tamén está no aire, xa que durante a campaña avogou porque a sede da vicerrectoría, que liderará Marián Fernández, docente de Educación Física e Deportiva, estea "mais preto da parte central do campus".
A catedrática sinalou a importancia de acreditar o de Pontevedra como "campus de excelencia" e avanzou a posibilidade de implantar novas titulacións, fomentar a investigación no ámbito de ciencias da saúde e impulsar unha programación cultural propia.