Acudir vestido de vermello ao pavillón da Seca ten premio

Poio
13 de novembro 2017

O Poio Pescamar traballa nunha serie de iniciativas para lograr un cheo total nas bancadas do pavillón para a visita o vindeiro sábado do Burela, nun duelo no que o liderado da Primeira División estará en xogo

Afección do Poio Pescamar na final da Copa Xunta de fútbol sala no Municipal de Pontevedra
Afección do Poio Pescamar na final da Copa Xunta de fútbol sala no Municipal de Pontevedra / Cristina Saiz

O axustado triunfo en Leganés, sétima vitoria consecutiva na liga, mantén disparada a ilusión do Poio Pescamar nun inicio de competición histórico na máxima categoría, sendo terceiras a só dous puntos dos dous líderes, Atlético Navalcarnero e Burela FS.

Precisamente o equipo lucense será o próximo rival que visite o pavillón municipal da Seca (sábado, 16:30 horas) nun duelo no que o liderado da Primeira División estará en xogo.

Por ese motivo, e ante a ilusión de seguir pelexando polos primeiros postos, no club vermello puxéronse a traballar para que a afección de Poio marque o primeiro tanto enchendo a bancada do pavillón.

A directiva traballa nunha serie de iniciativas que pretender non só lograr o cheo absoluto, senón engalanar o pavillón. Entre esas propostas atópase a de premiar aos seguidores que acudan ao partido vestidos da cor do equipo, o vermello. Desta forma todo que o acuda uniformado á Seca entrará no sorteo de diferentes pezas de roupa do equipo, tales como sudaderas, chaquetas ou unha camiseta asinada por todas as xogadoras do primeiro plantel.

Ademais o Poio Pescamar, do mesmo xeito que noutras ocasións, repartirá invitacións nos colexios do municipio e en varios locais comerciais.