Coas máximas precaucións. Así volveu ao traballo esta semana a Sociedad Deportiva Teucro, despois de dar dúas semanas de descanso polo Nadal aos seus xogadores.
O conxunto pontevedrés retomou os seus adestramentos o luns 4 de xaneiro, pero fíxoo con sesións sen contacto, mantendo a distancia e utilizando máscara.
Trátase dunha medida de prevención para evitar posibles casos por Covid no plantel, sobre todo tendo en conta que moitos xogadores volveron ás súas casas para pasar as festas.
A previsión é completar a semana con este tipo de adestramentos para pasar despois unha rolda de probas de detección de coronavirus e, no caso de non rexistrar contaxios, retomar os exercicios con contacto.
O plantel teucrista, que estas semanas de descanso tivo que seguir unha serie de exercicios individualizados pautados polo preparador físico do equipo Sergio Rey, afrontará o seu primeiro partido do ano o 23 de xaneiro recibindo no Municipal o Bordils.