Adrián Sieiro e Sergio Vallejo fanse coa praza para o Europeo de Belgrado

Poio
03 de maio 2018

Os padexeiros do Piragüismo Poio Pescamar impuxéronse no control selectivo celebrado no encoro asturiano de Trasona e gañan praza no equipo nacional para as próximas citas internacionais

Sergio Vallejo e Adrián Sieiro no selectivo de Trasona
Sergio Vallejo e Adrián Sieiro no selectivo de Trasona / Federación Galega Piragüismo

O Piragüismo Poio Pescamar estará representado na próximas grandes citas do calendario internacional grazas a Adrián Sieiro e Sergio Vallego.

A parella pontevedresa impúxose este xoves no control selectivo de C-2 1.000 metros celebrado organizado pola Real Federación Española de Piragüismo no encoro asturiano de Trasona.

Esta vitoria suponlles gañar unha praza no equipo nacional para a Copa do Mundo de Szeged (Hungría) e, sobre todo, para o Campionato de Europa de Belgrado (Serbia) que se celebrará entre os días 8 e 10 de xuño, no que buscarán mellorar a sétima posición do ano anterior.

Vallejo e Sieiro conseguían a vitoria cun tempo de 3 minutos 42 segundos e 504 milésimas, tras unha dura pugna coa embarcación formada por Noel Domínguez (Breogán do Grove) e David Fernández (Gorilas de Candás) que cruzaba a liña de chegada a tan só 604 milésimas. Un pouco máis atrasada chegaría a canoa de Sete Benavides e Antoni Segura.

O control selectivo de piragüismo en Trasona prolongarase ata este venres poñendo en xogo ademais prazas mundialistas e europeas para as categorías sub-23 e xuvenil.