O piragüismo pontevedrés mira cara a Hungría

Pontevedra
16 de maio 2018

A canle olímpica de Szeged, Hungría, será escenario desde o venres da primeira gran competición da tempada cunha proba da Copa do Mundo na que haberá representación pontevedresa

Diego Romero durante o preolímpico de Duisburg
Diego Romero durante o preolímpico de Duisburg

A primeira gran competición internacional da tempada de piragüismo contará desde o venres 18 de maio con representación pontevedresa, a pesar da renuncia de varios padexeiros clasificados.

Será na Copa do Mundo Sprint que se disputa na canle olímpica de Szeged (Hungría), e que contará coa participación de deportistas de 60 países.

Entre eles atópase por exemplo Carolina García (EP Ciudad de Pontevedra), que formará parella no K-2 500 con Bárbara Pardo e tomará parte no K-4 500 no que tamén formarán Estefanía Fernández e Aida Bauza.

Diego Romero (Breogán) participará en dúas distancias de canoa individual, os 1.000 e os 5.000 metros. Pola súa banda o seu compañeiro de club Noel Domínguez estará presente no C-2 1.000 metros con Gonzalo Fijó e en C-1 5.000 metros.

A Copa do Mundo servirá de posta a punto para o Campionato de Europa Absoluto que se disputará en Belgrado, Serbia, a partir do 8 de xuño.