Protagonismo galego na primeira xornada de finais do Campionato de Europa de Sprint e Paracanoe 2025, que se celebra do 19 ao 22 de xuño en Racice (Chequia).
Os padeeiros colgaron unha medalla de ouro, dúas pratas e asinaron unha sólida presenza nas probas decisivas, que confirman o excelente momento do piragüismo galego na elite continental.
Ás 11:49 horas, o cangués Pablo Graña, do Real Club Náutico Rodeira de Cangas, colgouse a medalla de ouro no C1 200 metros masculino, impóndose cun rexistro de 38.291 segundos. Fíxoo por apenas 47 milésimas de segundo ante un dos favoritos da proba, o polaco Oleksii Koliadych, campión do mundo e de Europa en 2024, que parou o crono en 38.338.
O bronce foi para o ucraíno Andrii Rybachok con 38.544. Graña mantivo unha saída sólida, colocouse rapidamente na cabeza e resistiu os ataques de Koliadych até a liña de meta. Este ouro supón o seu primeiro gran título continental individual absoluto.
O K4 feminino español logrou a medalla de prata na final de 500 metros. Sara Ouzande, Lucía Val Cerdeira (Club Rías Baixas – Boiro), Estefanía Fernández González (Club Fluvial de Lugo) e Bárbara Pardo marcaron un tempo de 1:35.737 finalizando a tan só 0.460 segundos do equipo húngaro, que levou o ouro con 1:35.277. Alemaña completou o podio con 1:36.164.
Na única final mixta do día con representación galega, o adxudicouse a medalla de ouro. A embarcación composta por Adrián Sieiro (Club Náutico O Muiño de Ribadumia), Daniel Grijalba, María Corbera e Ángels Moreno (1:36.255) tomou a iniciativa desde os primeiros metros, marcando o mellor paso polos 250 metros e resistindo o empuxe do combinado húngaro, que foi segundo con 1:36.868. Moldavia finalizou terceira (1:38.999).
O K4 500 masculino español, con Carlos Arévalo López (Club Fluvial de Lugo) xunto a Álex Graneri, Adrián do Río e Marcus Cooper Walz, concluíu a final en cuarta posición, rozando as medallas. O seu tempo foi de 1:19.956, a tan só 0.637 segundos do equipo campión, Portugal, que asinou 1:19.319.
España mantivo unha boa colocación durante toda a proba, nun grupo dianteiro moi compacto onde cinco embarcacións cruzaron a meta en menos dun segundo de diferenza. Finalmente, o podio foi para Portugal, República Checa e Polonia.
Na modalidade paralímpica, Nicolás Martínez Adega (Club Fluvial de Lugo) participou na final A do KL3 200 metros masculino, onde finalizou en novena posición. O novo padeeiro galego asinou un crono de 44.512 segundos, nunha proba que foi dominada polo xeorxiano Serhii Yemelianov, que gañou con 39.965.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.