Adrián Sieiro vence en Pontevedra e clasifícase para o Mundial de Piragüismo de Milán

Pontevedra
31 de maio 2015

Obxectivo cumprido para Adrián Sieiro. Foi o máis rápido na proba de C-1 500 metros da Copa de España de piragüismo que se está a disputar en Verducido. E con este resultado, o padexeiro do Club Piragüismo Poio logrou a súa clasificación para o Mundial de Piragüismo de Milán, competición que outorga as prazas para os Xogos Olímpicos

Adrián Sieiro, tras lograr a clasificación para o Mundial de Milán
Adrián Sieiro, tras lograr a clasificación para o Mundial de Milán

Obxectivo cumprido para Adrián Sieiro. Foi o máis rápido na proba de C-1 500 metros da Copa de España de piragüismo que se está a disputar en Verducido. E con este resultado, o padexeiro do Club Piragüismo Poio logrou a súa clasificación para o Mundial de Piragüismo de Milán, competición que outorga as prazas para os Xogos Olímpicos.

Foi unha proba espectaculare. Adrián Sieiro superou na mesma liña de chegada a André Oliveira, do Firrete, nun duelo intenso entre ambos os dous. Tanto que a diferenza na meta foi de 0.125 segundos, segundo a clasificación oficial dos xuíces. Os dous sostiveron unha marabillosa batalla e relegaron á terceira posición a Alfonso Benavides, o gran favorito.

A regata tivo un claro protagonismo galego. Brais Casas, do Kaiak Tudense, foi cuarto, José Manuel Sánchez, do Ría de Betanzos, quinto, e na sexta posición clasificouse José Luis Bouza, do Kaiak Tudense. Adrián Sieiro completou a xornada co segundo posto en C-1 200 metros. Só foi superado nesta distancia por Alfonso Benavides.

Non foi o único padexeiro galego en lograr a clasificación para Milán. Xunto a el viaxará Roi Rodríguez do Kayak Tudense, triunfador na proba de K-1 500 metros.

OUTROS RESULTADOS

En C-1 500 metros feminina, Jenifer Casal e Raquel Rodríguez, ambas as dúas do Ciudad de Pontevedra, ocuparon a segunda e terceira posición. Jenifer Casal tivo opcións de vitoria ata a última pada, pero non puido coa andaluza María Jiménez.

Na final de K-1 200 metros, Cristian Silva, do Rías Baixas Boiro, foi o mellor galego no sétimo lugar. Na categoría feminina, Natalia García Naveiro, do Breogán do Grove, rematou en segunda praza. Na modalidade de canoa, Jenifer Casal ocupou a terceira posición. Nesta disciplina, os padexeiros galegos foron maioría na final.

En total, Verducido reuniu esta fin de semana a catrocentos deportistas, a metade deles galegos. Esta Copa de España de 500 e 200 metros finalizará este domingo coas regatas correspondentes aos barcos dobres en ambas as dúas distancias.