Protagonismo pontevedrés no peche da Copa de España de piragüismo en Verducido

Pontevedra
01 de xuño 2015

Adrián Sieiro volveu ser protagonista na segunda xornada de competición xunto ao seu compañeiro de equipo Sergio Vallejo. Grande actuación tamén das pontevedresas Jenifer Casal e Raquel Rodríguez

Raquel Rodríguez e Jenifer Casal durante a Copa de España en Verducido
Raquel Rodríguez e Jenifer Casal durante a Copa de España en Verducido

O peche da Copa de España de piragüismo de 200 e 500 metros celebrada durante o fin de semana no encoro de Pontillón do Castro volveu contar con protagonismo galego e en especial pontevedrés no peche da competición.

De novo Adrián Sieiro (Piragüismo Poio), que o sábado se impuxera en C-1 500 selando a súa clasificación para o Mundial de Milán, tivo un papel destacado gañando o C-2 500 co seu compañeiro de equipo Sergio Vallejo, quen ademais foi segundo no C-2 200 con Daniel Durán.

Siero e Vallejo dominaron os 500 metors por diante de José Luis Bouza e Brais Casas (Kayak Tudense) que foron segundos e José Manuel Sánchez e Miguel López (Ría de Betanzos), terceiros.

Pola súa banda en categoría feminina dominaron as pontevedresas Jenifer Casal e Raquel Rodríguez (Ciudad de Pontevedra), impoñéndose nas probas de parellas de 200 e 500 metros con autoridade.

Na clasificaciónpor equipos da Copa de España o Piragüismo Poio foi quinto e o Ciudad de Pontevedra sexto.