Agónico triunfo do Peixegalego na cancha do Araberri (80-82)

Marín
10 de xaneiro 2016

O conxunto marinense remontou no último cuarto e mantense na segunda praza da liga LEB Prata

Gabo Rogers nunha penetración a canastra no partido entre Peixe Galego e Basquet Tarragona
Gabo Rogers nunha penetración a canastra no partido entre Peixe Galego e Basquet Tarragona / Diego Torrado

O Peixegalego retomou no País Vasco a senda do triunfo ao impoñerse nun agónico final ao Araberri na súa cancha (80-82).

O cadro marinense consolídase na segunda praza da liga LEB Prata e faino con moito esforzo tras un partido no que tivo que remontar nos minutos finais.

Comezou igualado o choque no primeiro cuarto (20-20), pero no segundo o Araberri abriu oco no marcador apoiado na efectividade ofensiva de Tyron (30 puntos, 10 rebotes e 44 de valoración ao final do choque), ao que non conseguían defender con acerto.

Ao descanso chegouse cunha renda local de dez puntos (50-40), pero os de Javi Llorente repuxéronse no terceiro parcial e empezaron a reducir a distancia.

O Peixe arrincou o cuarto definitivo cinco puntos por baixo (67-62), e continuou a súa progresión para, cun maior acerto nos momentos decisivos, completar a remontada.

Rogers, con 26 puntos, foi o xogador máis destacado no cadro marinense, no que outros catro xogadores chegaron a dobres díxitos.

Consulta aquí as estatísticas do partido.