Ilusión desbordada ante a final da Copa LEB Prata

Marín
21 de xaneiro 2016

O Peixe Galego afronta este sábado en Ávila a opción de conseguir o primeiro título oficial da súa historia. O club traballa nunha viaxe organizada para os seus afeccionados e tamén se instalará unha pantalla xigante para seguir o partido desde Marín

Javi Llorente no banco do Peixe Galego no partido de liga ante El Bulevar
Javi Llorente no banco do Peixe Galego no partido de liga ante El Bulevar / Diego Torrado

Marín vive con grande expectación as horas previas á final da Copa LEB Prata, que xogará por primeira vez na súa historia o Peixe Galego na busca de estrear o seu palmarés nacional de títulos.

O cadro marinense non estará só en Ávila, onde o sábado (19:00 horas) enfrontarase a El Bulevar, e é que o club organizou unha viaxe para os seus afeccionados, que se completará coa instalación dunha pantalla xigante, na Alameda ou Multiusos en función da climatoloxía, para seguir o encontro a través da retransmisión da Federación Española (www.feb.es).

Para o Peixe o partido será "unha auténtica festa", recoñeceu o seu técnico Javi Llorente á FEB, de "dous equipos modestos coa permanencia como obxectivo prioritario e que imos atopar nesta final un recoñecemento ao gran traballo da primeira volta".

O entrandor marinense é optimista co rendemento dos seus, pero renega do precedente da pasada fin de semana, cando gañaron precisamente ao cadro abulense na Raña en partido de liga: "Na súa pista vai custar moito máis o poder impoñer o noso estilo de xogo".

"Se queremos gañar as nosas opcións pasan por estar moi ben a nivel defensivo nun partido que será moi duro", asegura, nunha cancha na que lembra ninguén conseguiu gañar aínda esta tempada.